Cabe destacar que tanto na Hispania cristiá, herdeira da tradición hispanorromana e hispanogoda, coma na al-Andalus se organizaron institucionalmente as máis altas percepcións das cosmovisións monárquicas que imperaban no mundo daquela. Así, se na Europa occidental o máximo rango político-formal correspondía ao emperador do sacro Imperio Romano Xermánico, na España cristiá foron varios os reis –particularmente Afonso VI e Afonso VII de León e Castilla– que asumiron a dignidade de emperador de España ou das Españas. En terras hispanomusulmás, monarcas de Córdoba adoptaron os títulos de emir e califa, ao igual ca as súas contrapartes do universo islámico afroasiático con centros en Damasco ou Bagdad.
A culminación da Reconquista a finais do século XV tivo como resultado a extinción do espazo hispanomusulmán e a converxencia política e territorial das principais coroas españolas, as de Castilla e Aragón, cuns mesmos monarcas, os Reis Católicos Isabel e Fernando. A esa unión monárquica incorporáronse pouco despois o reino de Navarra e, a finais do seguinte século, con Filipe II, o reino de Portugal, co que se logra a completa unión peninsular hispánica, ou ibérica, no marco dunha monarquía común. Coetaneamente, e tamén con posterioridade, durante os séculos XVII e XVIII, a monarquía de España adquiriu unha dimensión planetaria coa conseguinte incorporación de territorios e reinos en diferentes continentes. Os pobos e territorios de América organizáronse como os das terras andaluzas despois das conquistas de tempos de Fernando III, o Santo. O mesmo ca en Andalucía se formaron reinos –os de Jaén, Córdoba, Sevilla, e posteriormente Granada– nas Indias tamén se constituíron reinos con vicerreis como delegados do monarca, en Nova España, O Perú e, posteriormente, en Nova Granada e no Prata, polo que o rei se consideraba sucesor dos emperadores, como se quixo expresar mediante as esculturas de Moctezuma, último emperador azteca, e de Atahualpa, último emperador incaico, situadas nunha das fachadas do Palacio Real de Madrid.
O título ou tratamento tradicional de “católicos” concedido polo papa Alexandre VI en 1496 aos reis de España Fernando e Isabel, e aos seus sucesores, fixo referencia, no seu momento, á concreta adscrición relixiosa do monarca e á súa defensa da fe católica, aínda que tamén denotaba, segundo certas interpretacións, unha proxección de carácter ecuménico e universalista nun momento no que, por primeira vez na historia do mundo, un poder político –neste caso a monarquía hispánica– alcanzaba unha dimensión global con soberanía e presenza efectiva en todos os continentes –América, Europa, Asia, África e Oceanía– e nos principais mares e océanos –Atlántico, Pacífico, Índico e Mediterráneo–.
Consecuencia do proceso histórico acumulativo e incorporador da monarquía española foron as específicas titulacións utilizadas polos reis de España. Xunto ao título curto –rei de España ou das Españas–, que fai referencia sintética ao soar orixinario da monarquía, utilizouse oficialmente en cada reinado e ata o século XIX o título grande ou longo, con explícita mención dos territorios e títulos cos que reinaba o monarca español, cos que reinaran os seus antepasados ou sobre os que se consideraba que tiña lexítimo dereito. Sirva como mostra a extensa titulación de Carlos IV, aínda en 1805, plasmada na Real Cédula que precedía ao texto legal da novísima recompilación das leis de España con ocasión da súa promulgación: "Don Carlos, pola graza de Deus, rei de Castilla, de León, de Aragón, de Dúas Sicilias, de Xerusalén, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galicia, de Mallorca, de Menorca, de Sevilla, de Sardeña, de Córdoba, de Córsega, de Murcia, de Jaén, dos Algarbes, de Algeciras, de Xibraltar, das illas de Canaria, das Indias Orientais e Occidentais, illas e terra firme do mar océano; arquiduque de Austria; duque de Borgoña, de Brabante e de Milán; conde de Apsburg, de Flandres, Tirol e Barcelona; señor de Vizcaya e de Molina". Cabe subliñar que a vixente Constitución española, no seu artigo 56.2, sinala que o título do xefe do Estado "é o de rei de España e poderá utilizar os demais que lle correspondan á Coroa".
Como vértice superior do Estado monárquico, á Coroa correspondéronlle en tempos medievais e no Antigo Réxime as máximas e máis amplas funcións gobernativas e, por iso, tamén unha especial responsabilidade tanto nos acertos coma nos erros.
Sancho III, o Maior, rei de Navarra, xa no século XI reuniu baixo o seu trono unha parte substancial da España cristiá. Non obstante, ao igual ca outros reis medievais hispanos e por causa dunha tradicional visión patrimonialista da monarquía, dispuxo que se dividisen os seus dominios tras o seu falecemento. O rei de León, Afonso IX, adiantouse ao seu tempo convocando en 1188 as primeiras Cortes da historia europea con participación cidadá, nobre e eclesiástica. Fernando III, o Santo, unificou definitivamente os reinos de Castilla e de León e deulle un impulso irreversible á Reconquista. Afonso X, o Sabio, favoreceu a cultura e as artes, ademais de establecer os fundamentos lexislativos e da facenda pública dunha nova forma de Estado monárquico. Xaime I de Aragón e os seus sucesores afirmaron a unión política dos territorios da Coroa aragonesa e a súa expansión ultramarina mediterránea.