Skip Ribbon Commands
Skip to main content
A Monarquía na Historia de España

Reais Sitios

 
Patrimonio Nacional administra e xestiona os bens que a Coroa lle cedeu ao Estado, conservando o seu dereito de uso e tendo, entre outros, un triplo obxectivo: poñer á disposición de toda a cidadanía un dos conxuntos culturais máis importantes de Europa; conservar e restaurar os seus bens históricos mobles e inmobles e preservar e respectar o medio, a flora e a fauna dos bosques e xardíns que administra.
Patrimonio Nacional réxese pola Lei 23/1982, do 16 de xuño, que regula a súa dobre finalidade: por unha parte, os ditos bens están destinados ao uso e servizo da Súa Maxestade o Rei e dos membros da Familia Real para a alta representación que a Constitución e as leis lles atribúen; por outra, Patrimonio Nacional debe cumprir as funcións culturais determinadas pola natureza e a importancia histórica do dito sistema de bens, declarados na súa maior parte de interese histórico-artístico, o que require actuacións de mantemento, restauración, investigación, conservación, exhibición, docencia e difusión cultural. Patrimonio Nacional xestiona oito palacios reais, cinco residencias reais de campo e dez mosteiros e conventos fundados pola Coroa, ademais 20.500 hectáreas de bosque e 589 de xardíns históricos, das cales 154 foron recoñecidas como paisaxes culturais patrimonio da humanidade. Así mesmo, administra os bens mobles e as coleccións de arte conservadas nos ditos lugares, así como os bens asignados para o uso e servizo da Coroa e as doazóns feitas ao Estado pola Súa Maxestade o Rei. Os Reais Sitios son utilizados para as cerimonias de Estado e actos oficiais máis relevantes do reino de España. Os máis destacados son os que se realizan no Palacio Real de Madrid. Os museos de Patrimonio Nacional nos Reais Sitios están abertos ao público. Visítanos anualmente máis de tres millóns de persoas, o cal converte a institución nun dos principais organismos culturais de España.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

PALACIO REAL DE MADRID

O actual palacio está construído sobre as ruínas do antigo alcázar, destruído por un incendio en 1734. Foi o rei Filipe V quen ordenou a construción do palacio novo. De estilo barroco e con estrutura de bóvedas, o edificio albergaría a Corte, unha das máis importantes de Europa. O Palacio Real de Madrid é de planta cadrada, cun patio principal no centro, o Patio do Príncipe. A fachada principal ábrese ao sur sobre a Praza de Armas e ao oeste a través do Arquivo Xeral de Palacio e da Real Armería. Entre as súas estancias, destaca o conxunto artístico do Salón do Trono, Salón Gasparini, Capela e Comedor de Gala. Ao poñente esténdense cara ao río os xardíns do palacio, coñecidos como Campo do Moro. Na actualidade, o Palacio Real de Madrid é a sede oficial da Súa Maxestade o Rei para o exercicio das funcións de alta representación que a Constitución lle outorga. Está aberto á visita pública, á investigación na Real Biblioteca ou no Arquivo Xeral de Palacio. O seu interior alberga un bo número de obras de arte das coleccións reais, talleres de restauración e almacéns de tapices.​​

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL MONASTEIRO DE SAN LORENZO DE EL ESCORIAL

A fundación deste colosal edificio, considerado patrimonio da humanidade, débese a Filipe II, quen lle encargou, en 1562, o proxecto a Juan Bautista de Toledo e a Juan de Herrera. O mosteiro é o monumento máis representativo das aspiracións ideolóxicas e culturais do Século de Ouro español e baséase nunha orixinal síntese das formas artísticas italianas e flamengas. O conxunto do mosteiro inclúe palacio, convento, colexio, biblioteca, basílica, panteón de reis e os xardíns do rei, da raíña e dos frades.
Os frescos das bóvedas do Real Mosteiro de San Lorenzo de El Escorial foron pintados polos artistas italianos Zuccaro, Tibaldi e Cambiasso. Estas magníficas pinturas forman parte da decoración da biblioteca, da sancristía, das salas capitulares, do claustro baixo, da escaleira principal ou da galería de batallas. O conxunto artístico complétase con esculturas de Monegro, cadros de El Bosco, Navarrete ou El Greco e tapices da serie Panos de Ouro de Isabel a Católica. Especial relevancia teñen o Patio dos Evanxelistas, o Museo de Pintura ou os palacios de Austrias e Borbóns.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL SITIO DE EL PARDO

O Monte de El Pardo, que se estende ao norte de Madrid con case 16.000 hectáreas de bosque, é unha reserva ecolóxica que atraeu o interese dos monarcas casteláns desde a Idade Media. A construción dun pavillón de caza sentou as bases dos posteriores conxuntos palacianos, entre os que se destaca o Palacio Real de El Pardo. Ergueuse por orde de Enrique IV, aínda que se reformaría na época do emperador Carlos V e se ampliaría co rei Carlos III. No palacio destacan os tapices de Goya e Bayeu, así como os frescos de Gaspar Becerra.
No Real Sitio de El Pardo atópanse a Casiña do Príncipe (século XVIII), construída para Carlos IV polo arquitecto Juan de Villanueva, e a Quinta do Duque de Arco. Actualmente, no Monte de El Pardo están situados o Palacio da Zarzuela, residencia das Súas Maxestades os Reis de España e o pavillón das Súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL SITIO DE ARANJUEZ

Os mesmos arquitectos de El Escorial –Juan Bautista de Toledo e Juan de Herrera– serían os encargados de levantar este palacio por orde de Filipe II. Situado entre os ríos Texo e Jarama, quedaría finalmente rematado con Fernando VI, coa incorporación de dúas alas en tempos de Carlos III. A decoración do palacio recolle, sobre todo, achegas do século XVIII, entre as que destacan o Gabinete de Porcelana e o Salón de Espellos, así como un amplo número de cadros, tapices, mobiliario e lámpadas. Durante o século XVIII, realizáronse ampliacións no Real Sitio de Aranjuez, en concreto nos magníficos Xardíns do Príncipe: a Casa do Labrador, que constitúe un auténtico museo das artes decorativas e suntuarias, e o Museo de Falúas Reais, que alberga unha das coleccións máis espectaculares de embarcacións de recreo dos reis. –

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL CONVENTO DE SAN PASCUAL

O Real Convento de San Pascual, en Aranjuez, foi construído polo arquitecto Sabatini entre 1765 e 1770, por orde de Carlos III, que o converteu en convento franciscano. Durante o reinado de Isabel II pasaría ás monxas concepcionistas, circunstancia que se mantén, como noutros padroados de fundación real, ata hoxe en día. A arquitectura do convento e a igrexa aberta ao público débese ao romano Fonton e entre as súas obras destaca o cadro do altar maior de Antonio Rafael Mengs.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL SITIO DA GRANXA DE SAN ILDEFONSO

Situado na serra de Guadarrama, o seu nome provén dunha antiga granxa que os monxes xerónimos de El Parral posuían en Segovia. Filipe V retirouse a este lugar en 1724 e engrandeceu os xardíns e o palacio, que foi usado como residencia de verán de todos os seus sucesores ata Afonso XIII.
No seu interior destacan as pinturas de Lucas Jordan, Bassano e Teniers e as esculturas de mármore de Carrara. Ademais, son de grande interese as bóvedas pintadas ao fresco, os cadros e o mobiliario dos séculos XVIII e XIX.
No exterior, os magníficos xardíns obra de Boutelou constitúen un dos mellores exemplos paisaxísticos do século XVIII que se conservan. Non obstante, son as súas fontes as verdadeiras protagonistas da granxa. Decoradas con espléndidas esculturas de chumbo, destacan os grupos escultóricos de Neptuno, Apolo e Andrómeda, na ampla perspectiva da Carreira de Cabalos; outras fontes monumentais reciben os nomes da Fervenza Nova, as Oito Rúas, o Canastrel, as Ras, os Baños de Diana e a fonte da Fama.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

PALACIO REAL DE RIOFRÍO

Logo da morte de Filipe V, a raíña Isabel de Farnesio residiu na granxa durante o reinado de Fernando VI (1746-1759). Nestes anos, adquiriu o chamado Couto de Riofrío e iniciou a construción dun novo real sitio.
O palacio, do século XVIII, de planta cadrada e estilo italiano, foi levantado polo arquitecto Santiago Bonavía no medio dun fermoso bosque de 625 hectáreas, poboado de gamos e cervos, e que conforma unha notable paraxe natural. As catro fachadas do edificio, practicamente iguais e pintadas de rosa, albergan un maxestoso patio central e unha monumental escaleira dobre, que conduce ás principais estancias do palacio.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

PALACIO REAL DA ALMUDAINA



O nome da Almudaina –en árabe, ‘cidadela ou recinto amurallado’– resume nos seus muros a historia das Illes Balears, dado que todas as civilizacións que pasaron deixaron alí a súa pegada. Fundada sobre un antigo castro romano, durante a dominación musulmá sería a residencia dos gobernadores da illa. Non obstante, a partir do século XIII, baixo a dominación cristiá, a Almudaina converteríase en sede da Coroa, dándolle a forma actual, conservando as estruturas fundamentais do alcázar e os seus baños árabes.
No interior, pódense destacar as estancias da Capela do Rei ou Capela de Santa Ana, de San Xaime, ou o magnífico Salón Gótico. O palacio atópase decorado con mobles e tapices flamengos do século XVI e XVII e españois do século XVIII. Na actualidade, é a residencia oficial das Súas Maxestades os Reis durante a súa estadía nas illas.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAIS ALCÁZARES

Considerado patrimonio da humanidade desde 1988, o Alcázar de Sevilla é, de entre todas as residencias reais da Coroa, a máis singular porque aglutina conxuntos arquitectónicos e xardíns de diferentes períodos artísticos. Ao longo da súa historia fóronse realizando ampliacións e reformas sobre o conxunto inicial. Este conxunto de cambios garda testemuños dos Reis Católicos, Carlos V, Filipe II e Isabel II.
Entre os espazos máis notables atópanse o Palacio Mudéxar do rei don Pedro, as estancias góticas de Afonso X, os cuartos dos Reis Católicos e as decoracións renacentistas da época de Carlos V. O Cuarto Alto é a residencia oficial das Súas Maxestades os Reis durante as súas estancias en Sevilla.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

MONASTEIRO DAS DESCALZAS REAIS

O Mosteiro das Descalzas Reais, en Madrid, era o antigo palacio do contador real de Carlos V. A súa filla, dona Juana, creou o padroado real en 1557 coas relixiosas franciscanas descalzas, procedentes de Gandía (Valencia).
O seu interior conserva a estrutura e moitos dos elementos decorativos do antigo pazo do século XVI, ademais de extraordinarios tapices tecidos en Bruxelas, sobre cartóns de Rubens. En 1987 recibiu o Premio do Consello de Europa como Museo do Ano, debido ao valor artístico e ao seu carácter de museo non convencional, por tratarse dun mosteiro de clausura habitado polas relixiosas franciscanas descalzas que abre as súas salas ao público en visita guiada.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL MONASTEIRO DA ENCARNACIÓN

O mosteiro foi fundado en 1611 pola raíña Margarita de Austria, esposa de Filipe III, encomendándolle a súa tutela á orde relixiosa das agostiñas  recolectas. O edificio débese aos arquitectos Juan Gómez de Mora e frei Alberto de la Madre de Dios, malia ser practicamente reedificado por Ventura Rodríguez en 1767.
A súa igrexa é considerada unha das máis belas da capital e o convento conserva no seu interior importantes conxuntos pictóricos e escultóricos dos séculos XVII e XVIII, con obras de Lucas Jordán, Juan Van der Hamen ou Pedro de Mena. Especial atención merece o relicario que alberga un conxunto de 700 pezas realizadas en bronce, coral, marfil e madeiras finas.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

REAL MONASTEIRO DE SANTA CLARA DE TORDESILLAS

Construído sobre un antigo pazo mudéxar en Valladolid, foi a infanta Beatriz quen fundou o mosteiro en 1363, que se converte en convento das clarisas e ao que se engadiría, durante os séculos XV e XVI, a igrexa de estilo gótico. Consérvanse importantes elementos do antigo pazo mudéxar, como a fachada do palacio, a capela maior –cun teitume octogonal que constitúe unha obra mestra dos artistas mudéxares toledanos e andaluces– e o patio de entrada ou Compás.
O mosteiro alberga pinturas castelás da Escola de Berruguete e frescos de diferentes épocas, ademais de teas policromadas. Os baños árabes do Real Mosteiro de Santa Clara de Tordesillas están considerados únicos en Europa.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

MONASTEIRO DE SANTA MARÍA A REAL DE LAS HUELGAS

O Real Mosteiro de las Huelgas, en Burgos, de relixiosas cistercienses, foi fundado en 1187 por Afonso VIII e pola súa esposa dona Leonor, cuxos restos descansan na nave central do templo. Desta época destaca o claustro románico e a capela da Asunción, exemplo da arte almohade. Da segunda metade do século XIII data a grande obra do templo actual, onde destaca a sala capitular e o refectorio. Pódense contemplar desde todos os ángulos os magníficos claustros de San Fernando e As Claustriñas.
O mosteiro alberga o Museo de Teas Medievais, inaugurado polas Súas Maxestades os Reis en 1987 e ampliado en 2009, no que se mostran conxuntos completos de indumentaria medieval únicos no mundo.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

MONASTEIRO DE YUSTE

Situada na bisbarra natural de La Vera (Cáceres), o edificio actual reconstruíuse no século XX sobre as ruínas dun vello mosteiro que lle serviu de residencia a Carlos V nos últimos meses da súa vida (1556-1558). Ao longo dos séculos XV e XVI, o edificio monacal ampliouse ata alcanzar o aspecto que hoxe presenta. Desta época é a igrexa e os dous claustros, un de factura gótica e outro de tempos renacentistas. O mosteiro é un importante punto de referencia pola súa significación histórica, ademais de pola beleza natural do ámbito no que está situado.
O Mosteiro de Yuste conseguiu o galardón de Patrimonio Europeo debido aos valores históricos que representa, ao ser a última morada do emperador Carlos V.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

PANTEÓN DE HOMES ILUSTRES

Xunto á Basílica de Atocha álzase o Panteón de Homes Ilustres, construído a finais do século XIX segundo o proxecto de Fernando Arbós. Case todo o edificio é un muro sen aberturas, con franxas horizontais brancas e grises de pedra calcaria. No seu interior pódense ver seis mausoleos individuais nos que se atopan as sepulturas de José Canalejas; o xeneral Manuel Gutiérrez de la Concha; Práxedes Mateo Sagasta, Eduardo Dato, Antonio Ríos Rosas e Antonio Cánovas del Castillo. Os artistas Manuel Benlliure e Agustín Querol asinan dous impresionantes exemplos da escultura funeraria. Nun pequeno claustro existe un mausoleo colectivo construído por subscrición popular cuxo autor é Federico Aparici.
Coa construción deste panteón facíanse realidade, en parte, sucesivos proxectos de posuír un espazo para albergar os restos mortais dos españois máis ilustres.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

A REAL BASÍLICA DA NOSA SEÑORA DE ATOCHA

Desde mediados do século XII, Atocha era unha pequena ermida na que se lle rendía culto á imaxe románica da Virxe de Atocha. A sagrada imaxe, venerada polos madrileños e os reis, converteuse en patroa da Corte, mentres que a Almudena quedou como patroa da vila, para deixar a salvo a competencia existente entre ambas as dúas advocacións. O edificio actual construíuse no século XX.
O santuario de Atocha, que pasaría a reais padroados en 1602, foi moi querido polos monarcas españois e é tradición presentar os infantes nos primeiros meses de vida á Virxe de Atocha. ​​

MONASTEIRO DE SANTA ISABEL

O Real Mosteiro de Santa Isabel agrupa dúas fundacións: un colexio de nenas establecido por Filipe II e un convento de clausura de monxas agostiñas  recolectas, fundado pola esposa de Filipe III, dona Margarita de Austria.
A igrexa, con planta de cruz latina e cúpula, ten portada barroca e foi deseñada por Juan Gómez de Mora, en 1640. Na clausura consérvanse numerosas obras pictóricas dos séculos XVII e XVIII.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es

COLEXIO DAS DONCELAS DE TOLEDO

O Colexio das Doncelas Nobres, en Toledo, foi fundado en 1551 polo cardeal Juan Martínez Siliceo, arcebispo toledano de finais do século XVI e, desde entón, os seus patróns son a Súa Maxestade o Rei de España e o arcebispo de Toledo.
A arquitectura actual é do século XVIII, cun belo claustro e unha galería cara ao xardín, obra de Ventura Rodríguez. A igrexa e a torre son obras barrocas do mestre da catedral de Toledo, Serra. Na portada da igrexa intégrase un belo baixorrelevo do século XVI de Vázquez, o Vello.

Más Información Web: www.patrimonionacional.es