Símbolos da Monarquía española
A coroa e o cetro pertencentes ás Coleccións Reais de Patrimonio Nacional, procedentes dos reinados de Carlos II e Carlos III, custódianse no Palacio Real de Madrid. Dende o reinado de Sabela II utilizáronse nas cerimonias de proclamación dos Reis de España e son os símbolos da máxima representación da monarquía española.
A Coroa Real
O sinxelo aro decorado con ramos encadeados soporta o canastro formado por oito espellos con emblemas heráldicos coroados por ramas de loureiro. Deles parten oito imperiais con deseño de ramas entrelazadas. Sobre eles álzase o orbe e unha cruz de brazos iguais. Está marcado co escudo coroado con osa e albedro/ 75; castelo 75; VE/LAS/CO (nun dos espellos); escudo coroado con osa e albedro/ 88; castelo 88 (nun dos imperiais).
Foi realizada por Fernando Velasco, prateiro de cámara da Real Casa dende 1748. A súa marca persoal aparece xunto ás dos contrastes de Vila e Corte de Madrid, e á marca cronolóxica de 1775. Nun dos diademas figura tamén a data de 1788, o que indica que puido sufrir algunha deterioración ou ser modificada.
Descoñécese o motivo deste encargo; non obstante, as súas proporcións demostran que tivo un carácter cerimonial e simbólico, reforzado no canastro polas armas dos reinos de Castela, León, Granada, Parma, Tirol e as flores de lis dos Borbóns.
A coroa responde un estilo puramente neoclásico. O programa iconográfico que presenta relaciónase abertamente coa exaltación da monarquía. As coroas de loureiro aluden á abundancia, e o orbe e a cruz remiten ao poder terreal e divino. Utilizada como símbolo da monarquía española, acompáñaa o cetro fabricado no século XVII tanto na proclamación e xura do novo monarca, coma nas cerimonias fúnebres.
Datos da Coroa Real:
Autor: Fernando Velasco (1741-1787)
Data: 1775 e 1788
Materia: prata fundida, cicelada e dourada.
Dimensións: 39 cm. alto; 18,5 cm. diámetro aro; 40 cm. diámetro máximo.